Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta recoñece a excelencia de 103 universitarios cos premios fin de carreira


— Os galardóns están dirixidos ao alumnado que rematou os seus estudos no ano 2022 e cada un deles recibirá 3.500€ e un diploma acreditativo

— A convocatoria deste ano conta cun incremento do 12% no orzamento, o que permite premiar a unha vintena máis de estudantes que o pasado ano

— O 61% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 45 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 37 á de Vigo e 21 á da Coruña

A Xunta de Galicia vén de recoñecer a excelencia académica de 103 universitarios cos premios fin de carreira. Así se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia para o alumnado do Sistema Universitario de Galicia que rematou os seus estudos no ano 2022.

O 61% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 45 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela. A Universidade de Vigo, pola súa banda, é a segunda con máis presenza con 37 premios, mentres que 21 pertencen á Universidade da Coruña.
Ademais, os mellores expedientes distribúense entre 60 titulacións nos diferentes campus. Deste xeito, por número de recoñecementos destacan a titulación en Medicina, da Universidade de Santiago de Compostela, con catro persoas premiadas, e os graos en Administración e Dirección de Empresas, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Enfermaría e de Educación Infantil, todas da Universidade de Vigo, con tres persoas premiadas cada unha.

A convocatoria deste ano conta cun incremento do 12% no orzamento por parte da Consellería de Cultura ,Educación, FP e Universidades ata chegar aos 381.500€, o que permite premiar a unha vintena máis de estudantes que o pasado ano. Cada un deles recibirá unha achega económica de 3.500€ e un diploma acreditativo desta distinción.

Para optar ao premio, as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde e 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.